Esta Semana Santa chegaron máis do dobre de peregrinos que o ano pasado

Esta Semana data pechouse con datos moi positivos na Oficina do Peregrino: entre o Venres de Dores e o Domingo de Resurrección recolleron a Compostela un total de 13.969 camiñantes, unha cifra que supón un aumento do 61,34% con respecto á do ano pasado, cando a Semana Santa cadrara a finais de marzo. 

A maior concentración de chegadas produciuse a partir do Xoves Santo: máis de 8.000 peregrinos chegaron entre ese día e o domingo, rexistrándose picos de máis de 2.000 diarios o venres e o sábado. 

A maior parte dos peregrinos procederon do estranxeiro. De feito, o 51,6% dos que recolleron a Compostela entre o venres 12 e o domingo 21 chegaron de fóra de España, destacando especialmente os portugueses, alemáns, irlandeses e estadounidenses.

Por itinerarios, máis da metade dos peregrinos (un 57,72%) realizaron o Camiño Francés. Segundo os datos da Oficina do Peregrino, a segunda ruta máis percorrida durante estes días foi o Camiño Portugués, que foi escollida por máis do 23% dos peregrinos.

Destaca tamén o Camiño Portugués da Costa que sobe unha posición con respecto á Semana Santa do ano pasado. En 2019 foi o terceiro itinerario máis percorrido e representou preto do 6% dos camiñantes que realizaron o Camiño de Santiago durante a Semana Santa. Seguíronlle o Camiño Inglés, o Camiño do Norte, o Camiño Primitivo, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno.