Esta fin de semana, XXXIII edición da Festa da Ostra de Arcade

“A ostra é un manxar esencial para abrir unha mariscada. Ten un sabor espiritual, que é como unha saudade do mar”, decía Don Álvaro Cunqueiro. A Festa da Ostra de Arcade, Festa de Interese Turístico de Galicia, reúne cada ano a máis de 25.000 persoas que dan boa conta de máis de 100.000 unidades deste manxar mariño servido nas carpas montadas pola organización no peirao de Arcade

Pois nada mellor para abrir a gran mariscada do ano que darse unha volta pola Festa da Ostra de Arcade, os días 6 e 7 de abril e degustar baixo carpa este preciado bivalbo, crudo ou en distintas preparacións como escabechadas, en empanada… Ou sentarse á mesa en calquera dos variados e bos restaurantes desta vila pertencente ao municipio de Soutomaior, que non só é famoso polo castelo que habitou Pedro Madruga.

Acompañando a vianda, un bo Rías Baixas da Subzona de Soutomaior, porque aquí o albariño ten personalidade propia. Decían os vellos entendidos do “bo abillar” que o de Vela é o mellor pero, xa se sabe, para gustos…

Os produtores de Arcade foron pioneiros en comercializar e exportar este cotizado bivalvo nos diferentes mercados e dende 1987 celébrase esta festa, que é unha das máis concurridas da Ría de Vigo.

A ostra, ademais de ser un produto esencial na economía da vila, non o esquezan, consumida ao natural e acompañada dun escumoso galego é poderoso afrodisíaco.