Enoturismo santificante, devota procesión

Se algo caracteriza aos tempos que nos tocaron é que cada quen vive a súa vida como mellor lle parece. Hai quen segue entendendo a Semana Santa como unha ocasión para renovar a súa fe e botarse á rúa en devota procesión.

Pero tamén hai quen prefire buscar a iluminación no fondo dunha copa de viño de Amandi ou de augardente, perderse cal santo eremita polos rincóns da Galicia profunda ou centrarse na alabanza de produtos de tempada como a lamprea do Miño, as ostras de Arcade, o congro de Muxía, o requeixo e o mel das Neves, produtos para un bo cocido como os grelos da Rosaleira...

Boas opción estas últimas para paliar esa Fame de experiencias que esperta a provincia de Pontevedra e que non se queda só no estrictamente gastronómico. Porque os seus mosteiros, costas, cidades… tamén espertan outro tipo de fame que non convén resistir.

Como tampouco deberíamos resistirnos a tirar cara o norte e achegarnos ao Xeoparque de Ortegal, descubrindo por primeira ou quincuaxésima vez uns cantís que en todo caso nunca decepcionan, máis ben impresionarán.

Pero quizais, despois de tanta proposta enogastronómica, o que nos esté pedindo o corpo sexa algo de penitencia. Ou canto menos de citas que nos recorden o sentimento relixioso que subxace na Semana Santa. Por toda Galicia estoupa nestas datas o fervor relixioso, non hai cidade nin pobo que pase sen a súa procesión. Hai que recoñecer que hai lugares onde se vive cunha especial intensidade, como Ferrol e Viveiro. 

Dende as páxinas de HGg&T218 non pretendemos ser confesores, moito menos inquisidores! Por iso preferirnos limitarnos a poñer todas as opcións enriba da mesa para que os nosos lectores poidan valorar e escoller a forma de gozar a Semana Santa que mellor se adapte á súa conciencia… Ou que opten por combinar algo de todo, que ninguén dixo que a relixión e o disfrute non foran compatibles!