Coruña quere que cheguemos en bicicleta ata os seus faros

O proxecto que pretende unir os 11 faros das comarcas de Ferrolterra, Ortegal, Costa da Morte e Muros cos seus núcleos de poboación máis próximos a través de carrís bici está cada vez máis preto de ser unha realidade. 

A Deputación da Coruña acaba de adxudicar por 45.051,94 euros a redacción dos proxectos técnicos para a construción das chamadas Sendas dos Faros, que cubrirán un total duns 60 quilómetros de sendas ciclistas apoiados na rede viaria existente e cun ancho aproximado de 2 metros.

Os faros obxecto do proxecto serán os de Estaca de Bares (Mañón), Cabo Ortegal (Cariño), Punta Frouxeira (Valdoviño), Punta Nariga (Malpica), Laxe, Cabo Vilán (Camariñas), Cabo Touriñán (Muxía), Fisterra, Cabo de Cee (Corcubión), Lariño (Carnota) e Punta Queixal (Muros).

O investimento estimado para facer realidade este proxecto ascende a 5,1 millóns de euros. Para o seu desenvolvemento solicitouse financiamento a través dos fondos FEDER, en concreto ás axudas que convoca o IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético ) dentro do marco das Axudas a Entidades Locais para proxectos de investimento no ámbito da economía baixa en carbono.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que con este proxecto, a institución provincial pretende potenciar os faros das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e Muros e seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico, fomentando ao mesmo tempo unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio natural na provincia, aplicando un modelo que, ademais de servir como elemento de vertebración do territorio, axude a dinamizar o turismo

O goberno provincial considera que este proxecto terá unha grande importancia para promover o turismo e diversificar a economía das poboacións costeiras nunha provincia que conta con 26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa.