Confírmase a candidatura da Ribeira Sacra ao Patrimonio Mundial

A Ribeira Sacra será a candidata de España para ser declarada Patrimonio Mundial da Unesco. Así se se confirmou esta mañá trala reunión mantida polos membros do Consello de Patrimonio Histórico nacional no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. 

Nos últimos meses a proposta da Ribeira Sacra xa parecía encamiñada cara o éxito, como adiantamos na editorial do último número de HGg&T. Pero ata agora non había unha confirmación oficial, que lanzaron dende a Xunta aproveitando para reivindicar "unha terra cun patrimonio natural e cultural que nos representa a todos os galegos e un dos legados máis importantes que podemos conservar para as futuras xeracións". 

Tralo consenso espertado en España pola transformación do paisaxe natural que trouxeron consigo os viñedos e a elevada concentración de históricas construccións relixiosas agora é o turno da Unesco de valorar a candidatura, podemos agardar unha resposta para 2021.