Comeza a conta atrás para a Feira do Viño do Ribeiro

A catro días do seu comezo, foi  presentado o programa completo da 56ª Feira do Viño do Ribeiro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, centro dependente da Deputación Provincial de Ourense. Os encargados da presentación foron Juan M. Casares, presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Ignacio Gómez, alcalde do Concello de Ribadavia, María Touza, concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia e Manuel Doval, en representación da Deputación Provincial de Ourense.
Esta cita anual cos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia desenvolverase entre o 3 e o 5 de maio en Ribadavia e celebrará a súa inauguración o vindeiro venres ás 19.00 horas. Trátase dunha “festa de reivindicación do Ribeiro como territorio, así como historia, tradición. O Ribeiro é moito máis que viño”, indicou o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares. 

Durante a súa intervención, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro subliñou o papel fundamental que desenvolve o Consello Regulador, “como eixo vertebrador dunha comarca esencialmente vitivinícola e como factor de cohesión dun territorio histórico.”. Neste sentido, Juan M. Casares reivindicou unha maior sensibilidade co territorio que abrangue a denominación de Orixe que preside, “O Ribeiro precisa fotos con texto, isto é require medidas de apoio claras e contundentes. Algunhas destas medidas derivarán necesariamente do Estudio socioeconómico e Plan estratéxico que se está a elaborar grazas ao apoio nidio da Deputación Provincial de Ourense.” 

Segundo Juan M. Casares, “todos os nosos esforzos estanse a encamiñar a que o Ribeiro sexa, outra vez, o gran viño de Galicia e un dos escaparates da provincia de Ourense no mundo.”

O tamén Presidente da Ruta do viño do Ribeiro repasou as actividades que se están a levar a cabo dende esta entidade complementaria ao C.R.D.O. na promoción do Ribeiro como destino enoturístico, “A campaña O Camiño do Viño está a ter unha gran acollida. O venres, nunha conferencia na Rioxa, nos felicitaron pola iniciativa. Coido que imos no camiño correcto cara a promoción e posta en valor do territorio e de todos os nosos recursos, incluído o patrimonio arquitectónico cultural ligado ao viño máis importante da península ibérica..”

Pódese consultar o programa completo e as actividades na web: www.feiravinoribeiro.com