Cincuenta e catro finalistas optarán aos VI Premios Martín Códax da Música

A Asociación Músicas ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 6ª edición dos Martín Códax da Música nun acto que se celebrou, como cada ano, nas instalacións das Bodegas Martín Códax, en Cambados coa presenza da presidenta de Músicas ao Vivo (MAV), Sonia Lebedynski; o director da Axencia das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; e o presidente das Bodegas Martín Códax, Xoan Allegue.

Entre os proxectos finalistas, traxectorias consolidadas como a de Bala, Nao ou Marcos Teira; pero sobre todo moitísimos proxectos novos que entran a formar parte da gran familia de escollidos que cada ano optan aos galardóns da nosa música. Nesta edición destaca a relevancia dos proxectos de electrónica con propostas moi aclamadas fóra de Galicia como Baiuca e Músculo. Tamén se pon de relevo a presenza feminina na categoría de Canción de Autor/a con MJ Pérez, A Banda da Loba e Su Garrido Pombo. Dentro dos Pemios Organistrum -que recoñecen o labor da industria musical galega- é moi chamativa a escolla de festivais de pequeno formato con propostas singulares; o recoñecemento a espazos de longa andadura na radio pública como o Diario Cultural e Lume na Palleira; e a presenza da sala viguesa El Contrabajo Club que pechará en xuño despois de máis dunha década como aliada da música ao vivo, despois de ter programado máis de 900 concertos.

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de Músicas ao Vivomediante votación online entre un total de 442 proxectos inscritos: 391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación musical. 

Agora será un xurado, integrado por profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías. Este xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, será secreto e os nomes das persoas que o integran non se farán públicos ata finalizar o proceso. Os proxectos premiados coñeceranse o 8 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premiosque terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra. Este é o listado dos 54 proxectos nomeados que optarán a recibir algún galardón na gala dos VI Premios Martín Códax da Música.