Bueu ofrece mexillóns e peixe escabechado contra a "fame de experiencias"

A praza de abastos de Bueu acolleu este xoves a segunda parada da cuarta edición do programa "Degusta Europa" da Deputación de Pontevedra, que este ano se enmarca dentro da campaña de promoción turística "Fame de experiencias". 

Os alumnos do CIPF Carlos Oroza ofreceron un menú composto por mexillóns ao azafrán, ensalada con peixe escabechado e tarta de queixo galego con marmelada de mazá, acompañado polos cócteles de Crimean e Durazno. O alumnado mercou na praza os produtos necesarios para o menú, que prepararon in situ a modo de show cooking no mercado. 

A seguinte parada de "Degusta Europa" terá lugar hoxe mesmo en Pontevedra, tamén a cargo do alumnado do CIPF Carlos Oroza. A próxima semana será o centro Manuel Antonio quen lle tome o relevo para a preparación das degustacións gastronómicas que terán lugar o mércores, na praza de abastos de Baiona, o xoves na praza de abasto da Guarda e o venres no mercado do Progreso de Vigo.

Todo co obxectivo de poñer en valor os mercados e produtos gastronómicos das Rías Baixas, así como a formación que están a impartir centros de Formación Profesional especializados na enogastronomía como o Carlos Oroza de Pontevedra e o Manuel Antonio de Vigo. Do mesmo xeito, "Degusta Europa", tamén pretende converter á gastronomía nun elemento de relación entre os países europeos.