Bo en Boca converte A Coruña no destino gastronómico de Semana Santa

O presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Alberto Lema e a xerenta Lanzada Calatayud presentaron a IV edición de Bo en Boca, as xornadas gastronómicas relacionadas coas cociñas árabe, xudea e cristiá, que se celebrarán en diferentes hoteis da cidade entre os días 11 e 21 de abril. 

Tal e como presentou Lema trátase do cuarto ano consecutivo no que, coincidindo coas datas de Semana Santa, terán lugar estas xornadas, que se desenvolverán en sete restaurantes doutros tantos establecementos hostaleiros da cidade. A iniciativa está organizada pola Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco) coa colaboración do Consorcio de Turismo e Congresos.

Na súa intervención, Alberto Lema incidiu en que esta iniciativa serve para retomar unha “fusión da cociña de varias culturas e insiste na oferta gastronómica de calidade que A Coruña mantén durante todo o ano”. Neste sentido, destacou Bo en Boca como unha opción moi especial “nunha época do ano como a Semana Santa, para establecer unha proposta diferenciada con outro tipo de destinos e valores”, tanto para procedencias nacionais ou para as que chegan do exterior.

Nas xornadas participarán sete establecementos que ofrecerán distintas propostas gastronómicas. O hotel NH Collection Finisterre, Hesperia A Coruña Centro, Meliá María Pita, Riazor, Zenit, AC Coruña e Carrís Marineda. A xerenta do Consorcio, Lanzada Calatayud destacou tamén a importancia de que a participación destes dous últimos establecementos “supón unha descentralización destas xornadas cunha oferta diferente aos establecementos hosteleiros e complementaria para a o turismo”. Calatayud insistiu nos valores gastronómicos de Bo en Boca en conxunción coas demais ofertas promovidas polo Consorcio como Picadillo, Lacónicas ou Boucatise. 

Pola súa banda, o presidente de Hospeco. Rafael Benito fixo referencia a que neste ano a ocupación hostaleira “rondará un 73%” durante a Semana Santa rexistrando unha mínima disminución con respecto ao pasado ano, que chegou ao 74%. Destacou neste sentido ao público galego como maioritario e aludiu a que a oferta de Bo en Boca converteuse nun polo de atracción nos hoteis para visitantes, en maior medida “aínda que tamén hai unha alta porcentaxe de coruñeses que tamén están interesados nestas propostas culinarias”. 

Entre as especialidades ofrecidas en Bo en Boca están Muhammara con noces e gambas cruxientes da Gastroteca do Hotel Hesperia A Coruña Centro; Latkes de queixo branco do Hotel Riazor; Mujaddara do hotel AC; Torrijas con toffee e xeado de Carris Marineda, Potaxe de vixilia do Hotel Finisterre ou a Baba Ganush con pan de pita do Hotel Zenit e o Hummus estilo Israelí do Melia María Pita.