Benestar en Balnearios para 700 galegos maiores de 60 anos


A Consellería de Política Social ten en marcha unha nova edición do programa “Benestar en Balnearios”, no marco do cal se ofertan prazas para estadías e tratamentos en centros termais de toda a comunidade. Convócanse un total de 700 prazas para participar nesta iniciativa en diferentes quendas ao longo do ano. As solicitudes poderán presentarse ata o 2 de maio.

Poden beneficiarse deste programa os maiores de 60 anos e tamén os maiores de 55 que reúnan a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións. Os solicitantes deberán estar empadroados e residir nalgún Concello da comunidade galega. Terán que valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa. Non poderán padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal convivencia nos establecementos, nin ningunha enfermidade transmisible con risco de contaxio. E carecer de contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.

A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu cónxuxe ou parella, sempre que cumpra os requisitos indicados, agás o relativo á idade. Tamén poderán participar, en calidade de acompañantes, os fillos dos solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando se poidan desprazar con autonomía e cumpran todos os requisitos citados agás o referente á idade.

Os interesados poden consultar toda a información sobre o programa “Benestar en Balnearios” na web http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada-de-maiores, para coñecer as indicacións terapéuticas de cada centro, as datas e quendas de cada un e os prezos que ofertan. As estadías son de dez días con diferentes quendas ao longo do ano. As tarifas, moi accesibles, varían en función do establecemento hoteleiro e das características de cada balneario, entre os 287,50 e os 361 €.