Asemblea da Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) Xeral celebrou en Santiago,a súa Asemblea xeral. Durante a xuntaza fíxose balance do traballo levado a cabo en 2018, destacando a posta en marcha do proxecto “As augas minerais como recurso mineiro e fonte de saúde” en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. 

No marco deste proxecto iniciouse unha campaña de sensibilización entre os escolares da comunidade, co fin de que coñezan a orixe da auga mineral natural, o seu valor para a saúde e a súa importancia en Galicia. 

Nesta liña, realizáronse talleres en centros educativos das catro provincias nos que participaron un total de 200 rapaces, iniciativa que se ampliará a máis colexios ao longo de 2019. Este ano ademais algúns dos escolares participantes no proxecto xa tiveron a oportunidade de visitar algunha planta envasadora de auga mineral natural da nosa comunidade e coñecer de preto o proceso que segue a auga ata que se envasa.

AGAMIN está integrada por un total de 6 empresas de auga mineral natural. Da provincia de Lugo están representadas Aguas de Cospeito, situada no concello de Cospeito; e Fontecelta, en Sarria. Da provincia de Ourense están Cabreiroá e Aguas de Sousas, ámbalas dúas en Verín. E na provincia de Pontevedra atópanse Agua Sana, en Baiona; e Sanxinés en Vilagarcía de Arousa.

Na foto, de esquerda a dereita: José Manuel García, Cabreiroá; Francisco Blanco, presidente de Agamin e xerente de Fontecelta; Oliva Reguera, Aguas de Cospeito; Antonio Fernández, Aguas de Sousas; José Luís Rodríguez, Agua Sana e Benigno Amor, xerente de Agamin.