As praias de Meirás mellorarán os seus accesos

As praias da parroquia de Meirás, situada no concello coruñés de Valdoviño mellorarán a súa accesibilidade e os seus equipamentos nunha actuación da Deputación da Coruña, que tamén dotará ás prais dunha zona de aparcamento anexo. 

O organismo provincial destinará 280.000 € a esta actuación, que ademais contribuirá á rexeneración ambiental e á reordenación da zona e permitirá trasladar a Festa do Porto dun enclave de especial interese natural que está considerado espazo protexido.

"O proxecto é froito do compromiso do goberno da deputación da Coruña con entidades sociais e deportivas da localidade que trasladaron a necesidade desta actuación para a promoción turística e tamén para a mellora de accesos e conservación ambiental dun espazo especialmente protexido", sinala o deputado de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto.

O proxecto contempla actuacións de mellora en camiños municipais e equipamentos de ocio existentes no acceso ás praias do entorno da parroquia de Meirás e inclúe a ordenación e mellora da accesibilidade aos espazos das praias de Mourillá, Frouxeira, o acceso a Punta Foruxeira, o Portiño e a súa capela, a dotación dunha zona de aparcamento disuasorio e o acondicionamento do campo anexo como espazo de lecer para a práctica de actividades e deportes relacionados coa natureza.

O proxecto forma parte do labor da Deputación da Coruña de fomento dun turismo de calidade e responsable, cun acceso adaptado a todas as persoas e con respecto á biodiversidade, á paisaxe e a riqueza natural do territorio.

Neste sentido, o litoral de Valdoviño está recoñecido como espazo natural e de ocio de especial relevancia e o proxecto busca eliminar os colapsos de vehículos que, en temporada alta, se producen nas entradas das praias e dificultan o uso do espazo e prexudican a calidade ambiental da zona.

A proposta construtiva contempla a colocación de beirarrúas perimetrais de dimensións suficientes para o tránsito de persoas con mobilidade reducida a pavimentación dos viais e a diferenciación da zona de aparcamento para unha mellor delimitación e organización do tráfico rodado. Habilitaranse tamén pasos de peóns a nivel e zonas de estacionamento para persoas con dificultade de mobilidade e acondicionarase o actual campo da festa como un espazo multiocio para a práctica de actividades ao aire libre.