Arbo ríndese unha vez máis á lamprea

Esta fin de semana o concello de Arbo rendiralle homenaxe unha vez máis ao seu produto máis prezado coa celebración da LIX Festa da Lamprea, a máis antiga de Galicia entre as gastronómicas e declarada Fesda de Interese Turístico Nacional. 

Dende o venres ata o domingo os visitantes poderán degustar a lamprea ao estilo arbense, cociñada na súa propia sangue, pero tamén rechea, rebozada, en empanada... Unha oferta gastronómica que se completará con actuacións como a de María do Ceo, Milladoiro ou da orquesta Parías de Noia. 

Arbo, un dos municipios encadrados na subzona do Condado, D. O. Rías Baixas, produce viños de calidade, brancos e tintos frescos e atlánticos, complemento á gastronomía da zona que ten na lamprea a súa principal seña de identidade.

Once adegas e elaboradores conforman a industria do viño en Arbo, sendo esta actividade a base da economía dos arvenses que, sen esquecer a tradición vitivinícola, seguen mantendo os seus viños no “top” da oferta nacional. Segundo os datos do C.R.D.O. Rías Baixas, trátase de As Laxas, Pazo Pondal, Marqués de Vizhoja, Adegas Eidosela, Adega Beira Aral, Adegas Galegas, Carballal de Sande, Adegas Terrae, Begoña Troncoso Fernández, Veiga da Princiesa e Miguel Alonso Estévez. Sen esquecer os magníficos espumosos que elaboran algunha das adegas citadas, variedades como o caíño, brancellao, espadeiro e pedral dan tintos frescos e froitales, tan de moda hoxe en día.

Os monovarietais de albariño e os plurivarietais de albariño, treixadura e loureiro propician brancos secos, elegantes, intensamente afrutados e cun retrogusto moi fino e prolongado. A enorme vinculación secular dos arbenses co viño e este peixe prehistórico condénsase en Arabo, o Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, con salas adicadas á historia de Arbo, ao viño e á lamprea.