Alquitaras destilando a Pascua máis ardente en Portomarín

Portomarín, a Pons Minea (Ponte do Miño), xa citado no Códice Calixtino (s. XII) por ser fito importante do Camiño Francés celebra a Resurrección de Noso Señor con augardente, exaltación que ben sendo dende hai medio século unha especie de homenaxe aos augardenteiros que durante décadas destilaron de forma tradicional este licor, o cal xa se elaboraba no antigo pobo asolagado polo encoro de Belesar.

A Festa da Augardente, que coincide sempre no sábado e domingo de Pascua, este ano os días 20 e 21 de abril acada a súa cuadraxésimo novena edición (XLIX).Baixo a atenta mirada e o sobrio protocolo das donas e os cabaleiros da Orde Serenísima da Alquitara, desenvólvense os actos, que comezan xa na tarde do sábado con cea popular e queimada.

O domingo, día grande, ábrese co prendido das alquitaras na Praza Maior, a sesión do Cabildo Xeral da Orde Serenísima da Alquitara, o pregón e a entrega de premios aos augardenteiros gañadores do concurso. A festa continúa coa correspondente animación cultural e coa IX Degustación da anguía, por certo, “as mellores do mundo”, segundo o rexedor municipal Juan Carlos Serrano.

Declarado Conxunto Histórico Artístico en 1946, en 1962 o encoro de Belesar asolagou a vella vila e o patrimonio monumental foi trasladado, pedra a pedra, ao seu actual emprazamento. Destaca a igrexa de San Xoán, hoxe de San Nicolás, templo-fortaleza construido no s. XIII e que pertenceu á Orde de San Juan de Jerusalén (Orden de Malta).