A Xunta reivindica o augardente de Portomarín

Un ano máis, a festa do Augardente de Portomarín congregou a miles de persoas para degustar o licor tradicional xunto coas anguilas que dende xa hai bastantes anos a acompañan. 

Unha festa popular que reivindica o traballo dos augardenteiros que durante décadas destilaron de forma tradicional este licor, o cal xa se elaboraba no antigo pobo asolagado polo encoro de Belesar. E que tamén tivo a súa parte solemne nomeamento do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez como membro da Orde da Alquitara. 

O representante da Xunta aproveitou para desgranar a receita da augardente facendo referencia ao Camiño de Santiago e destacou “a importancia deste produto gastronómico como parte fundamental da cultura popular galega”. Neste sentido, aludiu ao ingrediente principal, o bagazo, “procedente das uvas colleitadas nestas terras da Ribeira Sacra, de viticultura heroica e desde hai uns días, candidata a Patrimonio Mundial da Unesco”.
Así mesmo, destacou o labor da localidade lucense que, en palabras de Román Rodríguez, é todo un referente do aproveitamento socioeconómico da ruta xacobea. “Estamos ás portas do Xacobeo 2021, e Portomarín é un gran exemplo da nosa mellor tradición hospitalaria e da gran riqueza que xera o Camiño de Santiago”, concluíu o conselleiro.