A Rede cultural da Coruña ofrecerá máis de 1.800 espectáculos

A Rede Cultural da Deputación da Coruña continúa medrando e nesta nova edición ofrece un total de 1.829 espectáculos e proxeccións, para o que a área de Cultura achega un orzamento de 2.202.184,98 €, 146.184,98 € máis que o ano anterior e máis do dobre dos 976.496 € do ano 2015. 

"A área de Cultura da Deputación da Coruña fixo un grande esforzo para consolidar un sector tan fundamental para a saúde da nosa cultura como é o das artes escénicas e musicais e, desta maneira, duplicou o orzamento da Rede Cultural que ofrece unha programación de calidade en todos os concellos da provincia", sinala a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

Na resolución de espectáculos que se desenvolverán a través do territorio dos concellos da Coruña inclúense un total de 625 actuacións do programa profesional "Escena ao Vivo" para os que a Deputación achega un total de 1.246.532,15 €. Desta oferta, 325 son espectáculos de teatro e monicreques, 241 concertos e 59 actuacións de danza ao que compre sumar as 135 actuacións que os concellos solicitaron dentro da categoría "Lingua a Escena" para a promoción do galego por medio da cultura, un apartado ao que se destinan 100.458,05€ do orzamento provincial. A oferta inclúe tamén 138 proxeccións de cinema e contidos audiovisual do programa "Visións" cun orzamento da Deputación de 58.334,68 €.

Compañías e artistas como Ses, Sarabela Teatro, Gazafellos, o Mago Antón, Magín Blanco, Dios ke te Crew, Boabab Teatro, Os Quinquilláns, Pablo Díaz, Roi Casal, Xoán Curiel, Talía Teatro, Trópico de Grelos, Zenzar, Paco Nogueiras, ButacaZero, Luar na Lubre, Iboprufeno Teatro, entre outras moitas, forman parte do catálogo da Rede Cultural desta nova edición.

En canto ao programa non profesional Alicerces, este ano programaranse 238 actuacións nos concellos da Coruña a través da Rede Cultural para o que a Deputación achegará un total de 153.924,10€.

Para entidades sen ánimo de lucro, este ano a través do programa Alicerces se desenvolverán 666 actuacións que a Deputación financia con 642.936 €. Desta maneira, todas as entidades reciben un espectáculo para incorporara as súas actividades, non quedando excluídas ningunha das solicitudes que cumprían a convocatoria.

"O programa Alicerces supuxo un apoio de difusión da cultura que se está a facer desde o ámbito non profesional, na que hai milleiros de persoas comprometidas en todos os concellos, para nós, de especial relevancia na creación cultural de noso", explicou Goretti Sanmartín.