A D.O. Monterrei medra a pasos axigantados

Bodega Crego e Monaguillo
A D.O. Monterrei pasou dunha produción de 800.000 litros de viño producidos en 2009 a unha media de case 3 millóns de litros nos tres últimos anos. Así o destacou o conselleiro de Medio Rural nunha visita á bodega Crego e Monaguillo, inscrita precisamente neste consello regulador. 

Neste senso, José González, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, puxo en valor os datos da última vendima, onde se recolleron case 5,6 millóns de quilos de uva de excelente estado fitosanitario, o que representa case o 9% do total colleitado nas denominacións de orixe galegas. 

Esta visita enmárcase dentro do percorrido que o conselleiro vén realizando polas diferentes denominacións de orixe, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas necesidades. Así, destacou a importancia e peso que ten este sector produtivo na economía galega, de aí a necesidade da Xunta de traballar nun plan estratéxico e de dinamización territorial das cinco denominacións de orixe de viño de Galicia, presentado o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo, FITUR 2019. 

Así, o conselleiro matizou que con este plan preténdese mellorar tanto o posicionamento dos viños galegos de calidade como das comarcas que representan e para iso conta coa participación de todos os axentes clave do territorio. 

A continuación, o conselleiro e o director da Agacal participarán no pleno extraordinario do Consello Regulador desta denominación de orixe, co fin de coñecer as súas demandas e os proxectos a realizar a curto prazo. Na xuntanza, José González insistiu na necesidade de seguir apostando por un sector forte e dinámico, onde a tradición vaia da man das melloras tecnolóxicas para poder competir nun mercado cada vez máis globalizado.