A Deputación da Coruña promcionou o Xeoparque de Ortegal na Feira de Ecoturismo Doñana Natural Life

O proxecto de Xeoparque de Ortegal foi o protagonista da presenza da Área de Turismo da Deputación da Coruña na Feira de Ecoturismo Doñana Natural Life. Canda esta iniciativa, promocionouse a Reserva da Biosfera das Mariñas e o Mandeo nun encontro de referencia do turismo ecolóxico.

Despois de ser promocionado en feiras como Fitur ou B-Travel de Barcelona, o proxecto de Xeoparque de Ortegal chegou esta fin de semana ao parque de Doñana onde se desenvolveu a Feira de Ecoturismo Doñana Natural Life. Neste foro, a Área de Turismo da Deputación da Coruña, que dirixe Xosé Regueira, aproveitou para afondar nas conexións externas que afortalan a difusión e consolidación do proxecto de Xeoparque de Ortegal.

A Feira Doñana Natural Life converteuse desde hai dous anos no punto de encontro dos destinos e profesionais vinculados ao turismo de natureza. Na aldea de El Rocío, en pleno corazón do Parque Nacional de Doñana, este espazo expositivo constitúe o escenario onde se desenvolven conferencias para debater os retos do ecoturismo e xornadas de networking para expansión de novos proxectos. A feira aspira a situarse entre os grandes eventos internacionais do subsector asociado a este turista de natureza.

A edición deste ano coincidiu co 50 aniversario do Parque, e a Deputación da Coruña aproveitou para dar a coñecer a oferta de turismo de natureza desde o proxecto de Xeoparque de Ortegal á Reserva da Biosfera de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Na feira difundiuse tamén o novo material promocional do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal no que se destaca a riqueza do patrimonio xeolóxico do territorio en que conflúe o Atlántico co Cantábrico e do que participan os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño.

A declaración de Xeoparque Mundial, que outorga a Unesco, ten como obxectivo a conservación e divulgación de territorios que posúen un patrimonio xeolóxico singular e unha gran riqueza etnográfica, ecolóxica e cultural que pretenden poñer en valor para lograr un desenvolvemento local integral. No caso do Cabo Ortegal, son 580 km2, que se difunden na información impresa a través de catro rutas para coñecer o seu patrimonio xeolóxico, unha a que vai pola costa Ártabra desde a punta Frouxeira á falla de Valdoviño, outra que atravesa o interior de Ortegal desde as canteiras de Anfibol ás minas de Piquito e a Barqueira, a terceira de Cedeira a Cariño aos pés da Serra da Capelada e, finalmente, unha cuarta que sae da Costa de Ortigueira e Loiba en dirección a Estaca de Bares.