200.000€ para accións medioambientais dos concellos da Coruña

A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP as bases dun novo programa de subvencións destinado aos concellos da provincia para a realización de actividades en materia de medio ambiente durante o ano 2019.

O programa parte cun orzamento consignado de 200.000 euros, ampliables en función das dispoñibilidades orzamentarias, aínda que o Goberno provincial espera que poida superar o millón de euros durante este exercicio.

O obxectivo desta nova liña de subvencións é financiar accións que contribúan a manter e mellorar a contorna natural e a calidade ambiental da provincia da Coruña, promovendo o desenvolvemento de políticas respectuosas co medio dende o ámbito municipal.

Entre as numerosas accións que os concellos poderán financiar con esta liña de subvencións figuran a redacción de catálogos de protección natural do municipio, plans municipais de actuación contra especies invasoras e de defensa da biodiversidade, plans de xestión de residuos municipais, agrícolas, gandeiros e industriais, plans de prevención de contaminación acústica e atmosférica, programas de aforro de recursos naturais (auga e enerxía), programas en relación coa economía circular ou auditorías ambientais.

Este programa dá continuidade ás numerosas accións desenvolvidas polo goberno provincial neste ámbito, como o Plan de Medio Ambiente (PMA), que financiou 159 obras de mellora do medios natural na provincia, a campaña anual de limpeza de praias, as liñas de subvencións creadas para apoiar ás entidades que traballan na conservación do medio ambiente e a protección animal na provincia, ou as numerosas accións de mellora da eficiencia enerxética impulsadas a través da FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética da Provincia da Coruña) nos municipios coruñeses.