Visitas ao campanario da Catedral de San Martiño

A Catedral de San Martiño comezará a abrir o seu campanario para visitas en grupo: un atractivo engadido ao percorrido cultural que xa se realiza de forma habitual, que pronto se incorporará aos percorridos turísticos do templo.

Para dar a coñecer este singular recuncho, este xoves, día 14 ofreceranse visitas especiais dunha hora de duración dirixidas aos veciños de Ourense. Nelas, os asistentes poderán coñecer os segredos do templo da capital e subir á torre campanario, desde onde se divisan fermosas vistas da cidade.

Esta actividade, destinada á poboación local e que fai fincapé no coñecemento do patrimonio artístico ourensán, terá un prezo especial de 2 €. As persoas insteresadas poderán anotarse na propia catedral, a través do teléfono (608 505 531) ou no correo electrónico courense@artisplendore.com facilitando nome completo, teléfono e DNI.

Estableceranse catro quendas de visitas, que se organizarán en grupos de 15 persoas: 11.00, 12.00, 13.00 e 17.00 horas.

O Concello de Ourense colabora nesta actividade acompañando aos grupos de visitantes no percorrido pola catedral, que será guiado por técnicos municipais.


f_ turismodeourense.gal