Séntanse as bases para os premios do turismo e a gastronomía lucense

O Consello Provincial de Turismo da Deputación de Lugo acaba de aprobar as bases do novo premioLugo Cambia, enmarcado dentro do Plan Estratéxico de Turismo, que constará de dúas modalidades; ao turismo e á gastronomía lucense. Con estes galardóns, que se convocarán o vindeiro ano, recoñecerase o traballo de persoas, entidades ou institucións a prol do fomento da promoción turística da provincia, así como actuacións innovadoras na gastronomía lucense.

No transcurso desta sesión informouse tamén do traballo realizado polo Goberno da Deputación na promoción turística ao longo deste semestre. Presentouse o proxecto de implantación de sinalización intelixente a través dunha APP de tódolos recursos turísticos da provincia, que xa esta a punto de adxudicarse. No que se refire à posta en valor dos nosos recursos, participouse en Fitur en colaboración co APEHL, na revista “E para comer Lugo..”, realizouse un curso de enoturismo, participouse nas xornadas Estase Cocendo, e impulsouse o micoturismo e turismo científico no xeodestino Ancares-Courel.
Ademais, o Executivo Provincial continúa coa súa programación de impulso ás candidaturas do Xeoparque Mundial da UNESCO de Montañas do Courel e a da Ribeira Sacra. Tamén se realizou un balance das rutas fluviais da Deputación que nesta última tempada rexistraron 59.300 visitas, 6.128 máis que na anterior. E por último o impulso ao turismo científico coa creación dun ecosistema integrado nos Ancares- O Courel. Unha iniciativa coa que o executivo provincial propón o desenvolvemento de fórmulas turísticas diferenciais para este territorio da Montaña Lucense.

Tamén se puxo en marcha a web de turismo da Deputación, realizáronse folletos informativos sobre os xeodestinos e a gastronomía da provincia. E impulsáronse as redes sociais coa celebración e promoción de eventos turísticos, gastronómicos e culturais. E definiuse unha nova estratexia de comunicación en redes sociais, a través de facebook, tuiter, instagram e youtube, así como a creación dun calendario de eventos da provincia.