Romaneses estudian in situ a estratexia galega de promoción turística no ámbito rural

A Consellería do Medio Rural está exercendo de anfitrioa dunha delegación romanesa para colaborar en accións relacionadas co desenvolvemento rural. En concreto, o grupo de acción local Bucovina de Munte, da rexión de Suceava, está dende o martes en Galicia co obxectivo de realizar visitas polo territorio e así aprender de primeira man a estratexia de promoción turística no ámbito rural que se leva a cabo na nosa comunidade. 

No día de onte, o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado pola alcaldesa do Rosal, María del Carmen Alonso, acompañou a este grupo na súa visita á adega Terras Gauda. 

Esta viaxe está enmarcada na colaboración que este grupo desenvolve cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte e Baixo Miño, que no seu momento xa acudiron ao país europeo para aprender o traballo dos compañeiros en Romanía. Agora é a quenda do grupo romanés que coñeceu unha granxa robotizada galega, a bodega de Castrobrey, en Vila de Cruces, o pazo de Liñares (Lalín) e o museo da marioneta. Ademais, a ruta continuou hoxe pola vila histórica de Baiona, o castro de Santa Tegra, na Guarda, e mañá está previsto que se despracen aos municipios de Tomiño e Tui. 

A través destas visitas os integrantes deste grupo romanés aprenderán do labor que levamos a cabo en Galicia en relación co turismo sobre os territorios rurais. Así, afondarán en conceptos como a distinción de calidade turística e a súa xestión e por iso coñecerán establecementos distinguidos e recursos turísticos nos territorios de Pontevedra Norte e Val Miñor. Ademais, aproveitarase a presenza desta delegación para manter reunións e planificar as accións a desenvolver no proxecto Eurochef, tanto na nosa comunidade como en Romanía e Estonia. Estudaranse ademais novas iniciativas conxuntas a medio prazo para promover un turismo sostible baseado na riqueza cultural e natural, na paisaxe e na gastronomía dos nosos respectivos territorios.