
O obxectivo é ofrecer aos usuarios do balneario, veciños de Lobios e turistas unha contorna perfectamente acondicionada, con servizos de calidade e tratamentos propios dunha instalación balnearia, conxugando todo elo coa situación no parque natural do Xurés e reserva da Biosfera. Unha iniciativa que conta, ademais, coa vantaxe de utilizar as augas máis quentes de toda a Península Ibérica, que manan do manancial a 77 graos de temperatura.
Manuel Baltar asegurou o apoio da institución provincial ao proxecto "por representar fielmente a estratexia que vimos desenvolvendo para potenciar a marca "Ourense, a provincia termal, cunha oferta diferenciada en servizos, instalacións e actividades no ámbito do termalismo". Na mesma liña, a alcaldesa de Lobios defendeu o proxecto como "unha iniciativa termal punteira, polo enfoque e a dimensión dos espazos nos que se actuará, o que permitirá situar a Lobios como un punto de referencia en Galicia, España e mesmo Europa", dixo María del Carmen Yáñez.