Portas abertas no Castelo de Soutomaior polo XIX Certame e Exposición da Camelia

Esta próxima fin de semana a Deputación de Pontevedra levará a cabo unha xornada de portas abertas no Castelo de Soutomaior co fin de colaborar co XIX Certame e Exposición da Camelia, organizado polo concello, e de acordo coa ordenanza reguladora do edificio histórico que prevé este tipo de accións cando se trata de actividades relacionadas coa posta en valor do mesmo, da camelia ou dos xardíns.

O Castelo estará aberto ao público de xeito gratuíto de 10.00 a 19.00 h, tanto o sábado como o domingo, e respectando a capacidade de aforo do edificio histórico, para os afeccionados á xardinería e a floricultura nesta magnífica oportunidade para gozar dos impresionantes xardíns de Excelencia Internacional do Castelo de Soutomaior, os primeiros de España e os sétimos de Europa en recibir esta distinción.

A cita cultural, que reunirá a máis de 40 expositores, contará con premios para a mellor flor, mellor composición artística e mellor traballo escolar. O xurado está formado por membros da Asociación Española da Camelia e o seu fallo e a entrega de premios terá lugar ás 18:00 horas do domingo. 

Ademáis competirán este ano coas súas exposicións coa beleza e orixinalidade cos escaparates de varios comercios locais, adornados con esta fermosa flor típica de Galicia. Ademais, haberá premios para os dous mellores concursantes nas disciplinas de Mellor Flor en Escaparate e Mellor Composición Artística en Escaparate e o Premio Especial Lalita Gradín, en honra á creadora orixinal do certame. 

Recentemente, a institución provincial desenvolveu as visitas temáticas "A ruta da camelia", guiadas por persoal do Castelo e que deron a coñecer os principais exemplares de camelia dos máis de 400 cos que conta o seu xardín.