Paridad na programación da 14ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

A 14ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico – Museo do Pobo, que terá lugar do 25 ao 31 de marzo en Santiago, reuniu na súa presentación á concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; Jacobo Sutil, director da Agadic; Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; Concha Losada, vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo e Ana Estévez Lavandeira, directora da Mostra. 

A directora da 14ª MICE, Ana Estévez Lavandeira, afondou na programación da Mostra destacando que o "50% das películas que se van proxectán están realizadas por mulleres", afirmou. Ademais, resaltou que a programación desta ano se "artella sobre tres eixos fundamentais: o cinema doméstico; a temática das fronteiras dende a perspectiva de xénero en Impropias e a relación da etnografía coa música na sección Trazas", resumiu.

A sesión inaugural terá lugar o luns 25 ás 20.30h no Teatro Principal cunha sesión na que se poderán ver extractos do arquivo en super-8 do vigués Manoel da Costa, utilizado pola directora Xisela Franco para realizar as pezas promocionais da Mostra. Ambos os dous estarán presentes no Teatro Principal xunto a Pablo Goméz de La Cinematográfica, responsable do Arquivo Galego de Cine Doméstico. 

Dúas seccións paralelas: Impropias e Trazas.

As docentes e investigadoras do grupo de Estudos Audiovisuais da USC, Margarita Ledo Andión e Marta Pérez Pereiro, programaron unha Carta Branca para a sección Impropias que, baixo o título “Muller nas estremas”, se centra na temática das fronteiras físicas, simbólicas e culturais vistas dende a perspectiva de xénero. A primeira sesión desta parte da programación acollerá a estrea en Galicia de Performing the border, de Ursula Bienmann. Será o martes 26 de marzo ás 20.30h no Teatro Principal e estará presentada pola profesora e crítica Elena Oroz.

Impropias complétase coa proxección o mércores 27 ás 20.00h en Numax de Surname Viet Given Name Nam, da cineasta vietnamita Trinh T. Minh-Ha. Este documental traballa coas fronteiras culturais desenvolvendo preguntas sobre a identidade e a memoria cultural a través das vidas e das historias de mulleres de Vietnam e Estados Unidos. A última sesión estará formada por Europlex de Ursula Biemann e Angela Sanders, Tout le monde aime le bord de la mer, da cineasta galega Keira Espiñeira, e Hyohakusha (camiñante sen rumbo), de Xisela Franco e Anxela Caramés. Como complemento formativo a esta sección, o grupo de Estudos Audiovisuais organiza o 26 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC o Seminario CO(M)XÉNERO que contará coa presenza das docentes Elena Oroz e Ana Catarina Pereira (membro do xurado da MICE).

A outra sección paralela da MICE é tamén unha colaboración. O Cineclube de Compostela programou a sección Trazas centrándose na relación entre a música e a etnografía. O mesmo día da inauguración, o luns 25 de marzo, proxectarase ás 22.00h no Teatro Principal a primeira sesión, composta por tres pezas da década dos sesenta que rexistran tradicións en vías de desaparición ou de cambio: Afro-American Work Songs in a Texas Prison, de Toshi Seeger; The End of an Old Song, do musicólogo John Cohen e Y tenemos sabor, de Sara Gómez.

O segundo bloque recolle transformacións que viñeron nas prácticas da música coa chegada da modernidade, a influencia da industria musical ou os cambios nas tecnoloxías de escoita, e está composta por The Wigan Casino, de Tony Palmer; Heavy Metal Parking Lot, de Jeff Krulik e John Heyn; I sing the Desert Electric, de Christopher Kirkley; Petites Planète_ Peret de Vincent Moon e rexistro[7]telephones rouges nun cuarto, de Rubén Domínguez. Será o mércores 27 ás 22.30h no Teatro Principal.

Por último, o xoves 28 de marzo ás 20.00h estrease en Galicia no NUMAX Alentejo Alentejo do director Sérgio Trefaut, un documental que reflicte a situación do cante coral alentexano coas súas tensións entre a tradición e o mundo actual.

A conversa “De Lomax a Youtube”, o Café Proxecta e varios obradoiros pechan a programación da MICE., que complétase cunha serie de actividades á marxe das proxeccións. Deste xeito, o domingo 31 ás 12.30h terá lugar a conversa sobre arquivos sonoros e audiovisuais “De Lomax a Youtube. Prácticas musicais comunitarias e arquivos dixitais abertos” no Centro Sociocultural de Conxo, moderada polo investigador e músico Cibrán Tenreiro. No coloquio participarán Tiago Pereira (do proxecto A Música Portuguesa a Gostar dela Própria), Mar Catarina Serantes (de parte do Arquivo PRENOM), Concha Losada (do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade) e de María Jesús López Elvira (do Departamento de Documentación da CRTVG). Nesta mesa presentaranse e proxectaranse pezas que se custodian nestes arquivos, ademais de falar sobre a preservación, accesibilidade e uso dos contidos dixitais sonoros e audiovisuais propios e alleos. 

O debate sobre os arquivos dixitais non será a única conversa desta MICE. A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema organiza o sábado 30 ás 12.30h na Cantina do CGAC un café de debate titulado “Proxecta Constrúe. A cuestión de xénero nos festivais de cinema”. Na conversa tratarase de facer unha análise da situación e revisión das áreas de maior responsabilidade e liderado dos festivais así como facer propostas prácticas e estratéxicas para abordar as cuestións de xénero no sector. Participarán Ana Domínguez (do S8 Mostra de Cinema Periférico), Andrea Villa (de Curtocircuíto), Keka Losada (do Festival de Cans), Ana Dixital (do Carballo Interplay) e Beli Martínez conducida e coordinada por Sabela Mendoza.

A 14ª MICE tampouco descoida a súa parte didáctica, que inclúe dous obradoiros. O primeiro é o titulado “Tránsito á captura”, impartido pola cineasta venezolana Adriana Vila Guevara e o etnomusicólogo galego Miguel Alonso Cambrón. A partir dunha serie de exercicios de observación e escoita, esta actividade pretende explorar, cuestionar e descifrar os procesos de traballo entre a investigación etnográfica e a creación cinematográfica. O público infantil terá, pola súa parte, a oportunidade de participar no taller “Facemos cinema sen cámara” impartido polo Proxecto Educativo Espacio Rojo. A actividade, que se celebrará polas mañás nos días 29 e 30 de marzo no Museo do Pobo Galego, está pensada para nenas e nenos de entre 6 e 12 anos e para familias. As participantes aprenderán a facer cine aplicando técnicas das artes plásticas sobre o celuloide para despois poder ver a súas películas en pantalla grande.