Os municipios do Camiño alíanse coa Garda Civil para mellorar a seguridade

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta onte o acto de sinatura dun protocolo operativo entre a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago e a Garda Civil para mellorar a seguridade na ruta xacobea. 

O presidente da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago e alcalde de León, Antonio Silván, e o director adxunto da Garda Civil, Laurentino Ceña Coro, foron os encargados de asinar o protocolo, nun acto no que exerceu de anfitrión o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. Segundo explicaron, o acordo ten o propósito de "reforzar a colaboración entre a asociación, que xunta ao 80% dos municipios polos que pasa o Camiño, e o Corpo de Seguridade". O documento será o marco para futuros proxectos para mellorar o sistema de protección de peregrinos e peregrinas e da propia ruta xacobea, así como tamén para dotar aos albergues de maiores ferramentas de control.

Antonio Silván mostrou a súa satisfacción por "este intento de coordinación de todos os concellos do Camiño Francés en cuestións que son preocupacións comúns, como a seguridade no Camiño". Tal e como sinalou, "a Garda Civil é, pola distribución territorial de competencias, o corpo de seguridade que proporciona o núcleo básico da seguridade pública no Camiño de Santiago, e de aí a sinatura deste protocolo"

Pola súa banda, o director adxunto operativo da Garda Civil mostrou a vontade do Corpo por "seguir cumprindo a súa misión de protexer e auxiliar ás persoas, alá onde se atopen". Laurentino Ceña destacou tamén que "dende 1844, o servizo en camiños e vías de comunicación constitúe un obxectivo de atención prioritaria para a Garda Civil".

O protocolo operativo asinado hoxe compromete a ambas partes a "asegurar a promoción de accións e iniciativas comúns que permitan aumentar a prevención, concienciación e a eficacia da loita contra as actividades ilícitas no Camiño Francés, os seus aloxamentos, patrimonio natural e cultural, e entorno rural". A Asociación e a Garda Civil acordaron a creación dunha Comisión de Seguimento Mixta, para unha mellor coordinación dos proxectos amparados no acordo.