O premio Aymeric Picaud recoñece a labor de divulgación de Manuel F. Rodríguez sobre o Camiño de Santiago

O xornalista e investigador lucense Manuel F. Rodríguez vén de recibir o VI Premio Aymeric Picaud como recoñecemento á súa labor de divulgación do Camiño de Santiago, nun acto celebrado na Real Abadía de Samos no que participou o presidente da Deputación, Darío Campos. 

O sarriano Manuel F. Rodríguez é técnico do Xacobeo e ideou e dirixiu a Gran Enciclopedia del Camino de Santiago composta por 18 tomos e cuxos contidos foron volcados tamén en internet na web Xacopedia. É autor de numerosas publicacións sobre as rutas de peregrinación xacobeas como son Los Caminos de Santiago en Galicia, que escribiu en colaboración con Francisco Singul; Los años santos compostelanos del siglo XX. Crónica de un renacimiento; e da novela A viaxe á fin do mundo. Ademais, colabora habitualmente coa prensa galega e é columnista da revista Peregrino editada pola Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago.

Este galardón internacional é outorgado anualmente desde o 2014 pola Liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago. Leva o nome do cronista e monxe francés Aymeric Picaud, que peregrinou a Santiago de Compostela no século XII e escribiu o Liber Peregrinationis, a primeira guía medieval do Camiño de Santiago que está incluída no libro V do Códex Calixtinus.

Campos Conde felicitou ao xornalista lucense galardoado destacando que “a provincia de Lugo a través do Camiño Francés é a gran porta de entrada de milleiros de peregrinos a Galicia, e por isto sentímonos orgullosos de que un lucense, o xornalista Manuel F. Rodríguez reciba este recoñecemento polo seu constante labor de investigación e divulgación que contribúe a impulsar o coñecemento sobre o Camiño de Santiago”.