O packaging de D. Pedro Castes Autóctonas ouro nos Best Awards 2019

Adegas Galegas acaba de conseguir un ouro nos Best Awards 2019, os Premios do Marketing Alimentario de España, polo packaging de D. Pedro Castes Autóctonas. Trátase dunha edición limitada de catro viños monovarietais dos que só se elaboraron 1.000 botellas. Esta colección cápsula revela o traballo realizado durante anos dende o equipo de Enoloxía e Viticultura por coñecer, comprender e expresar da forma máis respectuosa posible ás diferentes variedades autóctonas de Galicia.

Este ouro foi concedido pola coidadosa presentación da colección, un deseño do Estudo de Deseño Marta Lojo, que lle aporta unha imaxe sofisticada, exclusiva e elegante. Este estudo consolidouse nos últimos anos como especialista na creación e re-styling de marcas nacionais e internacionais do sector alimentario e de bebidas.

Presentadas en botellas que lembran ao mundo da alta perfumería e os seus produtos premium, pechadas de forma manual cunha elegante capa de lacre branco cun acabado en diagonal. Na etiqueta podemos ver a mirada impenetrable de D. Pedro de Soutomaior e, no colo da botella, una pequena tira que indica a variedade que contén.

A colección preséntase dentro dun estoxo de cartón natural  no que a mirada de D. Pedro Madruga volve a ser protagonista. No seu interior os catro varietais preséntanse na orde de cata recomendada polo enólogo da adega, Juan Posada.

Foi o pasado mes de novembro cando Adegas Galegas presentaba D. Pedro Castes Autóctonas. Catro viños monovarietais elaborados con catro castes indíxenas de Galicia como son a treixadura, coa súa floralidade e elegancia; a loureira e a súa exuberancia e delicadeza; o caíño branco, coa súa frescura, estrutura e persistencia; e as notas balsámicas e o fondo mineral do caíño tinto.

D. Pedro Castes Autóctonas completa a gama de D. Pedro de Adegas Galegas, na que podemos atopar tamén os seus coñecidos albariños D. Pedro de Soutomaior e D. Pedro de Soutomaior Neve Carbónica, este último o albariño máis madrugador do mercado que tamén estreou nova imaxe este nadal.

Os Best Awards 2019 entregaranse nunha gala o próximo 11 de abril, onde se presentarán todas as pezas aspirantes en cada unha das categorías e na que se outorgará o Premio Especial por parte do Comité Organizador, á traxectoria de Marketing dunha empresa de alimentación e bebidas.