O Melindre de Melide protagonizará un obradoiro no Fórum Gastronómico

O Concello de Melide e a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional serán protagonistas no día grande do Fórum Gastronómico de A Coruña, este domingo 10, coa impartición dun obradoiro sobre os seus doces típicos.

A actividade, que terá lugar no Espazo Ágora do recinto de ExpoCoruña de 16 a 17 horas e será impartida por Alberto Rodríguez, mestre reposteiro e presidente da asociación Melide Terra Doce; pretende poñer en valor un facer totalmente artesá e que pasou de xeración en xeración a través dos fornos da vila, mantendo intactas as receitas dos melindres, dos amendoados e sobre todo dos ricos, que só se elaboran en Melide.

Deste xeito, os asistentes ao obradoiro do Espazo Ágora poderán coñecer de primeira man os tres doces melidenses e as materias primas coas que se elaboran, tocando as diferentes masas tanto en cru como xa cocidas, e incluso participando nos baños de azucre, completado así o proceso completo de elaboración dos melindres, os ricos e os amendoados. A actividade pecharase cunha cata dos 3 doces tradicionais, acompañada das explicación do mestre artesán Román Varela, da Pastelería Trisquel.

Pero máis aló deste obradoiro, a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional terá presencia durante todo o Fórum Gastronómico co seu propio stand, situado no espazo 150 do pavillón principal, e onde haberá degustación e venda dos doces tradicionais a través das casas reposteiras que conforman a asociación Melide Terra Doce: Casa Melchora, Pastelería Estilo, Panadería Tahona e Pastelería Trisquel.

Ademais, durante os tres días do evento estará dispoñible no stand un photocall moi especial: as persoas que se saquen nel unha fotografía e a suban ao seu Instagram utilizando o hashtag #festadomelindre19, entrarán no sorteo dunha estancia en Melide para dúas persoas durante a celebración da vindeira edición da Festa do Melindre, que este 2019 terá lugar os días 11 e 12 de maio. Tamén haberá actividades para os máis cativos, que poderán colorear diferentes ilustracións sobre a festa a cambio dun agasallo sorpresa.