O Incio aposta polo seu mamut como reclamo turístico

No concello lucense de O Incio atopáronse, en 1961, os únicos restos de mamut achados en Galicia. E agora dende este municipio queren poñer en valor este inusual recurso e utilizalo como reclamo turístico. 

Unha achega de 3.300 euros da deputación permitiu editar 750 postais, 5.000 salvamanteis e 4.000 marcapáxinas promocionais que se distribuirán entre restaurantes, hoteis, casas rurais e demais negocios de hostalería da vila para que sexa repartido entre os seus clientes e poidan levalo de lembranza, así como para atraer a novos visitantes.

Xunto co mamut prehistórico, San Eufrasio; Julia Espín, a musa de Bécquer; e as Danzas de Cervela, son as catro imaxes escollidas e que se estamparon nos 4.000 marcapáxinas editados polo Goberno da Deputación.

O mamut do Incio

Os restos do mamut foron descubertos, no 1961, na canteira de Buxán (O Incio). Neste lugar atoparon un molar e parte doutro e tamén osos. Son os únicos restos deste animal prehistórico que foron descubertos en Galicia. Aínda que non están datados, a súa antigüidade estímase que pode estar entre os 150.000 e 20.000 anos, desde que chegaron os mamuts á península ibérica e ata que desapareceron dela.