Innovación e marketing no Ribeiro

A Casa do pobo de Barbantes acolleu a celebración do taller práctico “Elaboración dun Plan de comunicación dixital como ferramenta de innovación e marketing” organizado pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), en colaboración coa Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Cenlle. 

O taller foi impartido por María Porto Corujo, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e especialista en xestión de redes sociais, e a el asistiron como alumnos dezasete técnicos de adegas e de empresas do sector enoturístico do Ribeiro. 

Esta acción estivo dirixida a concienciar ás empresas dos sectores vitivinícola e enoturístico do Ribeiro sobre a necesidade de adaptarse ás novas formas de comunicación e de implementar novas ferramentas de xestión empresarial orientadas a unha comercialización mellor e máis eficiente. Neste contexto as TIC constitúen unha fonte de novas posibilidades na xestión empresarial. Así o deseño dunha web da entidade, a implementación das innovacións no marketing dixital e a venda en liña, son fontes de innovación que permiten mellorar a comercialización dos produtos e abren novas fontes e posibilidades no mercado. 

Segundo o presidente do C.R.D.O. Ribeiro “hoxe en día internet representa un espazo no que toda actividade empresarial precisa contar cunha presenza activa. Neste sentido constitúe un requisito fundamental para calquera empresa ou proxecto dispoñer dunha páxina web co gallo de obter unha mínima visibilidade na rede.” 

Durante esta acción os alumnos aprenderon a implementar un Plan de Comunicación Dixital como alicerce de calquera estratexia que unha empresa vitivinícola e/ou enoturística con presenza na rede deberá desenvolver e implementar para acadar unha xestión eficiente no marketing e a venda en liña. O Plan de Comunicación Dixital permite analizar, e de ser o caso mellorar, aspectos de importancia empresarial como a presenza da empresa na rede, o coidado da súa imaxe, interaccionar co cliente, etc.