II Xornada TurisTIC "O Turismo Intelixente"

A Deputación de Pontevedra ten en marcha, como actividade programada e de interese xeral, a II Xornada TurisTIC "O Turismo Intelixente". Será o vindeiro 10 de abril no Museo Verbum de Vigo. Tras o éxito do primeiro foro TurisTIC, celebrado o ano pasado no castelo de Soutomaior, agora vaise desenvolver esta nova xornada centrada no turismo intelixente. "Seguimos avanzando así con paso firme para converter a provincia de Pontevedra nun destino turístico intelixente", explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A II Xornada TurisTIC será "un grande evento no que o obxectivo será promover a colaboración e o intercambio de boas prácticas entre empresas do sector turístico, empresas tecnolóxicas e institucións públicas do noroeste peninsular (Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e o País Vasco)". Para participar neste foro o prazo xa está aberto (ata completar capacidade) é só é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de SmartPeme.

A través de relatorios e mesas redondas, na II Xornada TurisTIC as persoas asistentes analizarán as oportunidades e os desafíos para o sector turístico e a xestión de destinos intelixentes. Vanse desenvolver tres mesas redondas: "A gobernanza nos destinos turísticos intelixentes", "A innovación aplicada á comercialización turística" e "A tecnoloxía. Presente e futuro do sector". Nos relatorios abordarase a colaboración público-privada nos destinos turísticos intelixentes e a importancia dos datos para a xestión do destino, haberá un espazo para a exposición de exemplos de turismo intelixente na provincia de Pontevedra e haberá unha presentación de solucións innovadoras.