II Xornada de divulgación do patrimonio Arqueolóxico lucense

Emarcada dentro da II Xornada de divulgación do patrimonio Arqueolóxico lucense, ata o 31 de marzo o Museo Provincial exhibe unha colección temporal con pezas únicas das covas de Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde), ubicada na sala 9 de Prehistoria e Arqueoloxía. A colección contén materiais orixinais, reproducións, paneis explicativos así como material das tres covas lucenses de Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde).

Hai que sinalar que é especialmente significativa a mostra de materiais da Cova Eirós tralo seu nomeamento como Ben de Interese Cultural, na que se amosan restos do Paleolítico Medio cunha selección de pezas líticas en seixo e cuarcita, así como material óseo con evidencias de acción antrópica do Paleolítico Superior con material lítico e reconstrución e remontaxe da explotación dun núcleo sobre prisma de cuarzo e dunha das puntas de proxectil. Ademais da arte moble (colgante decorado), do Neo-Calcolítico a través do mundo simbólico e funerario coa exposición de restos humanos e dun colgante, e do mundo medieval .

Da cova da Valiña poden verse materiais conservados no Museo Provincial de Lugo desde a súa descuberta en 1962. Son principalmente restos óseos de fauna adscrita ao Paleolítico Superior: oso das cavernas, reno, cervo, cabalo e bisonte. E da cova de Valdavara hai imaxes e textos explicativos.

A exposición conta tamén cun texto introdutorio sobre as tres covas lucenses e outras cavidades calcarias de Galicia que nos falan da importancia do seu estudo como espazos de refuxo para animais e grupos humanos prehistóricos; ademais de rexistrar a historia xeolóxica da súa formación, a evolución das condicións paleoambientais, conservan moitos restos dende fai, cando menos, 100.000 anos.