Galicia é lider en produción de carne de coello

Galicia sitúase como a primeira potencia nacional en produción de carne de coello. Así o sinalou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa a unha explotación cunícola, no concello ourensán de Beariz. Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde, Manuel Prado, e pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. 

Alí, José González enxalzou este sector menos coñecido na nosa comunidade pero que concentra máis do 24% da produción nacional. En concreto, dos matadoiros galegos saen preto de 14.000 toneladas anuais de carne, segundo os datos oficiais do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Respecto ao censo de coellos, o conselleiro trasladou que en Galicia contamos con preto dun millón de animais, o que supón o 16% do total nacional, só por detrás de Cataluña e Castela e León. 

En canto ao número de explotacións, José González sinalou que a nosa comunidade conta con 257 granxas e sitúase en sexta posición de España. Isto é así porque se trata dun sector profesionalizado na nosa comunidade, fronte a outras como Cataluña, que conta con máis explotacións agrarias rexistradas, pero de menor tamaño.