"Galaicos: un pobo entre dous mundos" no Museo da Prehistoria de Valencia

A exposición "Galaicos: un pobo entre dous mundos" poderá visitarse no Museo da Prehistoria de Valencia entre o 27 de marzo e o 1 de setembro. A mostra da Deputación de Pontevedra prosegue, deste xeito, o seu percorrido polo territorio estatal tras pasar polo Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, onde foi visitada por 18.000 persoas.

"Galaicos: un pobo entre dous mundos" pretende amosar o nexo de unión e de confluencia cultural entre dous mundos: o Atlantico e o Mediterráneo. Deste xeito, tal e como informou Silva, "a mostra, de marcado carácter didáctico e explicativo, combina obxectos orixinais, réplicas, imaxes, ilustracións, textos e recursos audiovisuais que permitirán dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico e cultural da nosa comunidade".

Como principal novidade, con respecto ás pezas xa amosadas en Madrid, ata Valencia viaxarán catro pezas novas que dan boa mostra da "nosa cultura milenaria", segundo detallou Silva. Así, exhibirase unha hacha de talón e punta de jabalina, de bronce e pertencente ao xacemento da Cabeciña de Oia para explicar a transición do Bronce Final á Idade de Ferro; a Arracada de Vilar de Santos, que pretende amosar as influencias do mundo mediterráneo en Galicia; a Tabula Lougeiorum, de comezos do século I, que introduce a chegada de Roma e simboliza os pactos de hospitalidade entre galaicos e romanos; e a ánfora de San Mariño de Bueu.

Tamén conta con outra novidade, materiais de divulgación en italiano, debido ao numeroso público de Italia que visita a comunidade interesado pola civilización fenicia. 

"Galaicos: un pobo entre dous mundos" xurdiu como resultado do programa integral que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra para poñer en valor os xacementos galaico-romanos da provincia mediante unha estratexia de promoción turística. Así, a través deste proxecto preténdese comprender a dinámica socioeconómica da provincia de Pontevedra na antigüidade, ampliar a oferta turística cultural que tamén é un dos obxectivos do Plan Estratéxico de Turismo, e recuperar os espazos patrimoniais.

f_ depo.gal