Ferrol seguirá rehabilitando o Castelo de San Felipe

O Ministerio de Fomento vén de aprobar unha nova rehabilitación para o Castelo de San Felipe solicitada polo Concello de Ferrol, que acutará sobre o sistema de evacuación de augas e cubertas pétreas da fortificación. O custo total ascende a 455.581,37 euros dos que Fomento achegaría o 75%. 

O Castelo, auténtico baluarte e referente turístico da cidade, segue a ser -ano tras ano como confirman os datos estatísticos recollidos nas dúas oficinas municipais de Turismo, o monumento mais visitado de Ferrol. Como exemplo, foron 1810 visitas na Semana Santa do 2018 e 15.300 nos meses de xullo e agosto. Mais de 40.000 visitas no 2017. 

Esta nova intervención será un gran paso mais no inxente traballo feito nos últimos anos para a recuperación e rehabilitación da fortaleza: actuacións no interior do espazo adicado aos vixiantes, cubertas dos dous corpos de entrada e recuperación do almacén de Cureñas como sala multisusos. Limpeza e roza do muro da batería baixa, o que mira á ría, limpeza de entullos e retirada das cubertas dos corpos da Casa do Gobernador, limpeza xeral do castelo e rozas periódicas e reiteradas, que non se realizaban. 

Tamén está redactado o proxecto para as obras de recuperación da Casa do Gobernador, e un segundo proxecto para todo o entorno da parte mais antiga do Castelo, que se executaría con cargo a unha subvención da Deputación provincial da Coruña pendente de resolución. A maiores, xa está en redacción un Plan de usos do Castelo. 

Con todo, a suma do investido -engadindo os proxecto de Fomento e as achegas da Deputación- supera o millón de euros na recuperación e conservación do Castelo.