Éxito de visitantes no Concurso Internacional da Camelia

O LV Concurso Exposición Internacional da Camelia recibiu durante a pasada fin de semana unha avalancha de visitantes locais, chegados de diferentes concellos do país e tamén de fóra de Galicia, tanto do resto do Estado como de Portugal e incluso Francia ou China. A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra e instalada no Recinto Feiral de Pontevedra, estivo aberta o sábado pola tarde e o domingo durante todo o día, reunindo unha grande asistencia tanto para coñecer as flores gañadoras como para participar nas diferentes actividades programadas, todas cun cheo absoluto.

A deputada responsable da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, manifestou a súa satisfacción pola resposta do público, que unha vez máis demostrou que a Exposición Internacional da Camelia é unha cita referente para o sector e para as persoas cultivadoras de camelias. Vilaverde salientou, así mesmo, o éxito que tiveron as xornadas técnicas celebradas o domingo pola mañá e pola tarde sobre ‘Patoloxías e afeccións sanitarias máis habituais na camelia, método de control' a cargo do doutor enxeñeiro de Montes Pedro Mansilla e a relativa a ‘O cultivo da camelia como especie restauradora en zonas forestais', a cargo da xefa de servizo de Areeiro, Carmen Salinero.

Vilaverde fixo fincapé en que, a pesares de ser fin de semana, foron moitos os responsables de comunidades de montes que se achegaron ao Recinto Feiral para coñecer as investigacións realizadas polo persoal técnico de Areeiro sobre as potencialidades do cultivo de camelias, tanto dende o punto de vista ornamental como de produción madeireira en zonas forestais. "Cada vez hai máis interese por parte do público sobre os produtos que se obteñen da camelia: o té e o aceite. Agora tócanos traballar e difundir as potencialidades que a camelia pode ter para o monte, xa que as Rías Baixas é un dos lugares do mundo onde mellor se produce, e vendo a grande asistencia ás charlas, que se celebraron este ano por vez primeira, estamos satisfeitas de termos aberto o camiño", subliñou a nacionalista.

Neste sentido, Vilaverde destacou a disposición a traballar en conxunto coa Deputación por parte do presidente da Agrupación Galega de Comunidades de Montes, Xosé Alfredo Pereira, quen subliñou a posibilidade de asinar un convenio de colaboración para fomentar a plantación de camelias en terreos de man común.

Outra das actividades que despuntou na LV Mostra da Camelia foi a cociña en directo do chef do Grupo Nove Iñaki Bretal, que repartiu 180 degustacións de pratos elaborados con camelia no showcooking celebrado o sábado. Na xornada do domingo tamén houbo éxito de asistencia na presentación do libro ‘Xardíns históricos da provincia de Pontevedra', na que non só se completou o aforo previsto, senón que houbo ducias de persoas que tiveron que permanecer de pé para escoitar aos seus autores. De feito, en apenas minutos esgotáronse os 200 exemplares repartidos pola Deputación,