No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o Balneario de Lugo-Termas Romanas acolle esta fin de semana unhas xornadas sobre a aplicación da balneoterapia en pacientes con problemas reumatolóxicos. Pola súa parte, o balneario pontevedrés de Termas de Cuntis centrará as súas sesións no valor terapéutico das augas mineromedicinais en procesos de rehabilitación. Un grupo de futuros médicos, que se están a formar na cura termal, coñecerán os beneficios das augas mineromedicinais neste eido.
Os pacientes reumáticos adoitan ser persoas maiores, posto que este tipo de trastornos increméntanse a medida que a idade avanza. Pero pode afectar a individuos de calquera idade, como ocorre coa artrite reumatoide xuvenil.
A directora médico do Balneario de Lugo, Ascensión Sánchez, salienta “o valor terapéutico das augas sulfuradas para combater procesos reumatolóxicos, debido á súa acción antiinflamatoria, analxésica e descontracturante; ao tempo que facilitan a mobilidade articular, reducen a rixidez e combaten a dor”. Empréganse en particular para tratar todo tipo de reumatismos dexenerativos como as artroses -dende a de xeonllos ata a de columna-, ademais de doenzas inflamatorias como a artrite reumatoide, xunto con ciáticas, lumbalxias ou a gota. Tamén son efectivas para abordar as secuelas de traumatismos e cirurxías do aparato locomotor.
Segundo explica a doutora, “a duración mínima dos tratamentos é de 9 días e os resultados son moi satisfactorios”. Así, asegura que máis do 70% dos pacientes logran unha importante melloría no seu estado de saúde e, en consecuencia, na súa calidade de vida. Ademais, conséguese reducir a inxesta de medicamentos, en particular analxésicos e antiinflamatarios.
A doutora lembra que a doenza reumatolóxica máis común en persoas da terceira idade é a artrose. Pola súa parte, os pacientes de idade media acoden ao balneario con problemas musculares, na súa maioría con lumbalxia ou cervicalxia, provocados sobre todo polo estilo de vida ou debido a unha mala postura no traballo.
Por outra banda, a fisioterapeuta de Termas de Cuntis, Lourdes Caramés Bueno, explica que a unión de dúas técnicas como son a balneoterapia e a fisioterapia -tanto dentro como fóra da auga- ofrece resultados moi positivos para tratar a pacientes que están a pasar por un proceso de rehabilitación. Nesta liña, asegura que “o emprego da fisioterapia no medio acuático termal resulta moi efectiva nos casos de traumatoloxías diversas, nas recuperacións poscirúrxicas…, posto que se consegue unha mellor e máis rápida evolución dos afectados”.