A Deputación da Coruña subvenciona a contratación de persoal de turismo dos concellos

Máis de cincuenta persoas serán contratadas para as oficinas de turismo a través da convocatoria da área de Turismo da Deputación da Coruña que destina case oitocentos mil euros ao financiamento desta liña de axuda aos concellos.

Un total de 774.273,73 € é o orzamento da concesión provisional da liña de axudas para contratación de persoal para oficinas de turismo convocadas pola Deputación da Coruña.

Son cincuenta e cinco os concellos de menos de 50.000 habitantes que son beneficiarios desta convocatoria que concede nesta edición até 20.000 euros por municipio segundo a solicitude realizada, o tempo de contratación ou o número de persoas contratadas.

A Deputación da Coruña aposta con esta liña pola profesionalización do sector co financiamento das retribucións do persoal técnico para oficinas de turismo de concellos, por un período mínimo de catro meses, coincidindo coa tempada alta de turismo.

"Esta liña é un eixo fundamental da xestión da área de Turismo da Deputación da Coruña xa que, por unha parte, contribúe á empregabilidade de persoas con formación no sector e, pola outra, é fundamental á hora de profesionalizar a atención turística, coa contratación de persoas especializadas", sinala o deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira.

Segundo o deputado de Turismo, con esta liña conséguense "materializar novas contratacións que irán en beneficio da planificación turística e ampliarán o período de atención ás persoas que visitan o territorio da Coruña".

Os criterios de baremación das solicitudes contemplaron variábeis como o número total de aloxamento en establecementos turísticos do concello ou agrupación dos concellos, a capacidade de cobertura da demanda turística, a existencia de oficinas de información turística diferenciadas ou o interese turístico e a planificación sostida.

A liña da área de Turismo reverte na creación de postos de traballo no sector turístico, un dos obxectivos do departamento da Deputación da Coruña que convocou de novo unha liña de axudas pola que, na anterior edición, contratáronse 53 persoas.

O persoal que ocupe prazas dos concellos deberá estar en posesión dos títulos de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Turismo, técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou grao e licenciatura en Historia da Arte, Humanidades, Xeografía e Ordenación do Territorio ou Historia.