A Deputación da Coruña convidada de honra da Feira Ibérica de Turismo de Portugal

A Deputación da Coruña asiste como destino convidado a Feira Ibérica de Turismo de Portugal que terá lugar na Guarda dos días 2 ao 5 de maio, é un dos eventos máis importantes dedicados ao turismo na Península Ibérica.

A área de Turismo da Deputación da Coruña convida os concellos a participar no espazo que abrirán na FIT Guarda. Nesta edición, como entidade convidada, a Deputación contará cun lugar máis amplo e privilexiado que abre para a promoción de produtos e servizos dos concellos ademais de poñer á disposición un autobús para o traslado até o evento.

A FIT Guarda ten como principais obxectivos fomentar o intercambio estratéxico e económico transfronteirizo, impulsando as relacións comerciais e o desenvolvemento turístico aos dous lados da fronteira. A feira está destinada a profesionais e público en xeral cun amplo programa de actividades de ocio, culturais e deportivas.

O director da FIT Guarda, Carlos Condesso, fixo público o nomeamento da Deputación da Coruña como convidada de honra no marco do encontro co deputado de Turismo, Xosé Regueira, na pasada edición de Fitur.

A Deputación da Coruña toma o relevo de Salamanca como destino convidado nesta nova edición que decorrerá de 2 a 5 de maio no Parque Urbano do Río Diz, nun espazo que conta con 9.000 metros cadrados de área cuberta. "A designación como entidade convidada da FIT é unha noticia estupenda para a promoción do turismo de calidade polo que apostamos e prometemos aproveitar a oportunidade para a difusión dos xeodestinos da Coruña entre os numerosos axentes que cada ano convoca o evento punteiro do turismo en Portugal", sinala Xosé Regueira.