A carne de Ternera, Boi e Vaca sempre co apelido Gallega

A IXP Ternera Gallega pecha o exercicio 2018 cun crecemento dun 3,4% en certificación e comercialización de carne (96.472 canais e 21.369 toneladas), cun valor económico en primeira venda de 122 millóns de euros. Así mesmo, mantivo as súas cifras de actividade no campo, con 8.199 explotacións e 132.868 tenreiros rexistrados. 

Por outra banda, a IXP Vaca Galega/Boi Galego rematou o ano pasado con 683 explotacións inscritas con actividade e 8.593 vacas e bois rexistrados. Na actualidade conforman a IXP 21 industrias e comerciais cárnicas inscritas, onde se certificaron 334 canais que sumaron 138 toneladas de carne. 

Estes son os principais datos presentados polo presidente do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, quen estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e dos demais membros do pleno. 

No tocante ao número de animais rexistrados, a Denominación pechou o exercicio con 132.868 cabezas, e cun total de 8.199 explotacións gandeiras inscritas. Estes datos son similares aos do 2017, cunha merma dun 0,7%, pero en calquera caso confirmando a forte suba que se producira nos anos anteriores. 

En canto á certificación e comercialización de carne, a IXP Ternera Gallega experimentou un significativo crecemento, xa que aumentou un 2,3% o número de canais (96.472) e un 3,4% o volume de carne comercializada baixo o amparo da Denominación (21.369 toneladas). 

Isto significa que se comercializaron 712 toneladas de carne máis durante o 2018, a pesar das novas tendencias e da evolución do consumo. Este crecemento tamén é indicativo da aposta dos consumidores pola carne con calidade certificada. 

O valor económico en primeira venda da carne comercializada foi de 122 millóns de euros, cun aumento do 3,4% que vai acorde co crecemento en volume de produto, xa que os prezos dos xatos e da carne seguiron unha tendencia e valores parecidos aos do ano anterior. 

Durante o pasado ano continuou o proceso de recoñecemento e rexistro da IXP Vaca Galega/Boi Galego na Unión Europea, e paralelamente continuou o proceso da súa posta en marcha co rexistro de novas explotacións e animais e, sobre todo, coa certificación das primeiras canais, que tivo lugar no mes de febreiro.