350 anos da instauración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu o pasado venres no Salón de Plenos o acto co que se inaugurou a conmemoración dos 350 anos da instauración da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo, unha das máis lonxevas celebracións na comunidade galega e a única que segue facendo memoria pública do Reino de Galicia como tal. O acto consistiu na presentación dun estudio sobre as orixes e evolución da ofrenda a cargo de Marcos Calles, tras o que tivo lugar unha visita na Catedral á exposición itinerante que recorrerá Galicia sobre a efeméride e o descubrimento dunha placa conmemorativa na basílica.

Xunta á rexedora, participaron no acto o bispo da diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a xefa territorial de Política Social da Xunta, Cristina Abades, e o Presidente da Deputación, Darío Campos, ademais de concelleiros e concelleiras da Corporación municipal, representantes eclesiásticos e veciños e veciñas.

Ademais de subliñar a transcendencia histórica e cultural da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, a Alcaldesa destacou que se celebra “nun marco excepcional, o Corpus, unha festividade moi sentida e apreciada polos veciños e veciñas de Lugo, recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego”.

Lara Méndez lembrou que esta tradición da ofrenda está ligada ao privilexio que ostenta a Catedral de Lugo de manter o Santísimo Sacramento permanentemente custodiado por unha chama sempre prendida e que, xunto ao feito de que a Sagrada Forma estea no altar maior, “fan que a basílica maior lucense sexa única no mundo. E é que Lugo é única. E a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia contribúe a que o sexa. É símbolo da nosa riqueza, do inmenso legado histórico e cultural co que contamos, do noso patrimonio material e inmaterial, ademais de contribuír a fortalecer lazos de amizade e unidade entre os galegos e galegas”.

f_ http://lugo.gal