112.038 euros para rehabilitar a ponte Albar, unha das pontes históricas de Galicia

A Deputación da Coruña investirá 112.038 euros nas obras de reparación da ponte Albar, que conecta os municipios de Trazo e Santiago de Compostela. As obras veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado.

A ponte, localizada no punto quilométrico 16+000 da estrada provincial DP 7804, sitúase sobre o río Tambre, actuando como límite físico entre os concellos de Santiago de Compostela e Trazo. A ambas as marxes atópanse as parroquias de Santa María de Xavestre (Trazo) e San Xoán de Fecha (Compostela).

Trátase dun ben incluído no catálogo de bens culturais de ambos municipios e no inventario de pontes históricas de Galicia. A ponte conta con séculos de historia e aínda que a súa orixe segue sendo unha incógnita, hai numerosas referencias que a sitúan na Idade Media, cunha importancia notable, pois tratábase dunha das vías principais de conexión da cidade de Santiago cos portos do norte de Galicia e unha zona de paso do Camiño.

O obxectivo das obras será consolidar os elementos estruturais da ponte, para o que será preciso o desmonte dos tallamares ata a fiada inferior onde exista perda de material, previa numeración de cada unha das pezas de granito que as compoñen.

Ademais, os traballos contemplarán a eliminación da colonización biolóxica, a limpeza dos paramentos, saneamento das xuntas e o seu encintado con morteiro de cal, aplicación dun tratamento biocida e a roza da maleza na contorna da ponte.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de abril. O prazo de execución será de 4 meses a partir do inicio das obras.