Valdeorras solicita a Medio Rural máis axudas para gastos de control

O presidente do Consello regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando nunha reunión que, xunto co pleno do organismo, mantivo co conselleiro do Medio Rural, José González, trasladoulle as demandas do sector vitivinícola valdeorrés, entre as que salientou a necesidade de “procurar fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas cara a novas plantacións e terreos productivos”.

Xunto a isto, o presidente do C.R.D.O. Valdeorras instou a González a promover unha actualización do rexistro vitícola porque “moitas veces a numeración do SIXPAC non coincide coa do catastro”. García Pando considerou que estes erros “non poden afectar na petición de axudas para plantacións novas”.

Paralelamente, na xuntanza púxose en valor a necesidade de ter canto antes lista unha aplicación que permita informatizar o traballo administrativo das adegas, incluíndo informes e licenzas obrigatorias. Tal e como destacou García Pando perante o conselleiro, “en Valdeorras xa se traballa nesta liña”.

O presidente do C.R.D.O. Valdeorras solicitou tamén á Xunta un “aumento do orzamento para os gastos de control: auditorías, vendima, etc”. Xustificou esta demanda no feito de que “nos últimos catro anos os gastos de control téñense multiplicado por catro”.

Tamén na reunión se puxo de manifesto a necesidade de “reclamar ao Goberno Central que as axudas a plantacións europeas sexan xestionadas dende a Xunta”. Así o solicitou ao conselleiro o presidente do C.R.D.O. Valdeorras.

Pola súa banda, o titular do Medio Rural destacou durante a súa intervención perante os medios do Pleno a “tolerancia cero” da administración autonómica con respecto a “calquera tipo de fraude no eido vinícola”. E tamén salientou a aposta da Xunta pola “promoción dos productos acollidos ás denominacións de orixe galegas”.