Solicitude para a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do humidal das Gándaras-O Ceao

O Concello de Lugo levará ao vindeiro Pleno de febreiro a solicitude á Xunta para a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do humidal das Gándaras-O Ceao co fin de mellorar a protección ambiental e o uso social desta “xoia natural”. 

A pesar de atoparse nun enclave onde as condicións ambientais son pouco favorables, entre os polígonos industriais que a rodean, a zona de actuación presenta unha paisaxe propia e única característica dos humidais e bosques de ribeira, cunha elevada biodiversidade vexetal e faunística concentrada nunha pequena superficie, o que lle confire un alto valor ambiental, paisaxístico e social a preservar.

A riqueza faunística deste espazo confórmana especies animais diferentes pertencentes a 36 familias, das que 28 están protexidas como o sapillo pintojo, a culebra lisa ou os morcegos hortelano e rabudo. En canto á flora, atópanse 130 especies diferentes pertencentes a 40 familias.

Fixo o anuncio a Alcaldesa, Lara Méndez, no Día Mundial dos Humidais, quen compareceu xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, o catedrático da USC Antonio Rigueiro, e Marco Rubinos, da xerencia do proxecto Life Lugo+Biodinámico.O das Gándaras será o primeiro ENIL do municipio e o segundo da provincia, xunto co de Loio Ruxidoira, en Paradela.

O Goberno promove este recoñecemento dun dos grandes patrimonios naturais do municipio no marco da implantación do Life Lugo+Biodinámico, unha estratexia financiada con fondos europeos que lidera o Concello e conta como socios colaboradores coa Deputación de Lugo e as universidades de Santiago e Politécnica de Madrid. Este proxecto sitúa á Lugo na vangarda do desenvolvemento urbano sostible e introduce un novo modelo produtivo en Galicia baseado na madeira como material estrutural de construción.

Despois dos labores de recuperación do humidal acometidas no marco deste programa nos últimos meses, “agora estamos xa en disposición de pedir a declaración de ENIL ao Goberno galego, administración que posúe as competencias de conservación da natureza”, asegurou a Alcaldesa, “e unha vez que obteñamos a declaración, poderemos desenvolver o Plan de Conservación e Uso Público deste espazo, co que se ampliarán as medidas específicas de xestión ambiental como as que xa viñemos realizando nesta xoia natural de 5 hectáreas”.