Sete anos de Manuel Baltar como presidente da Deputación de Ourense

Onte, 6 de febreiro de 2019, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cumpriu  sete anos ao fronte do goberno provincial ourensán, destacando como balance a súa aposta pola innovación na xestión pública, a redución da débeda da institución e a transparencia, como eixes fundamentais da súa política. Neste sentido, a potenciación da "marca Ourense" a través dos plans "Ourense, a provincia termal" e "Provincia Intelixente", os plans de mandato "Ourense 92" e "Ourense 15-19" e as iniciativas de pioneiras en xestión pública que permitiron ao longo destes anos modernizar a administración provincial facéndoa máis interactiva para concellos e cidadáns, determinan este período institucional do presidente Baltar.

Precisamente, a "débeda cero", que nunhas semanas acadará a Deputación de Ourense, é o aspecto máis destacado do ámbito económico, así como o feito de lograr os maiores remanentes de tesourería na historia da institución e tamén o incremento das axudas aos concellos da provincia de Ourense para xestión, obras e servizos. Tamén a promoción nacional e internacional de Ourense que ten promovido como presidente de Partenalia, a rede europea de gobernos provinciais; e como vicepresidente da Asociación termal europea (EHTTA) e da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), impulsaron a imaxe de Ourense e contribuíron a dar máis visibilidade aos proxectos e potencialidades da provincia ourensá.

Xunto a isto, as iniciativas de creación dun ecosistema de termalismo deportivo; e conseguir que Ourense acolla o centro de referencia da FP de Galicia. Así como a implantación de empresas de alta tecnoloxía que acheguen emprego e competitividade, son tamén fitos destacados da xestión de Manuel Baltar ao fronte do goberno provincial, que fixa no vindeiro plan de mandato "Ourense 7273" –en referencia aos quilómetros cadrados da provincia de Ourense- a folla de ruta "para continuar na liña da vangarda e da innovación na xestión pública, algo no que a Deputación de Ourense ten destacado nestes anos, sendo referente e líder en aspectos como a transparencia, a comunicación institucional e o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos que achegan emprego e competitividade á nosa provincia", afirma Manuel Baltar.

A cooperación cos concellos foi tamén un aspecto fundamental no que o presidente Baltar incidiu nestes sete anos como máximo responsable do goberno provincial. "Falar de concellos é falar de persoas, de potenciar o medio rural e de seguir impulsando infraestruturas e servizos para loitar contra o despoboamento. Así o facemos formando parte da alianza que mantemos coa Cátedra do Reto Demográfico, que impulsa a International Business School, que dirixe o xornalista Manuel Campo Vidal, e impulsando conxuntamente iniciativas neste ámbito; e tamén coa creación do Observatorio do Rural, unha plataforma que impulsará a Deputación de Ourense e que terá como obxectivo analizar mercados, competitividade, perspectiva de emprego e proxectos de innovación para o agro ourensán".

Nestes sete anos, Manuel Baltar destacouse por potenciar as singularidades de Ourense, promovendo a imaxe da provincia no exterior nos ámbitos do termalismo, a cultura, o medio ambiente e o deporte, sectores que contan con iniciativas que supoñen oportunidades de desenvolvemento económico, creación de emprego, asentamento de poboación e apertura de novos e mercados. Entre estas accións figuran o Plan "Ourense, a provincia termal", que desenvolve a Deputación de Ourense conxuntamente coa Xunta de Galicia; impulsar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco; a "Ourense ICC Week", o foro das industrias creativas, ou eventos como a "Vuelta a España", que tivo á provincia de Ourense como protagonista.

Na xestión económica destaca a redución da débeda xunto co incremento de investimentos e os maiores remanentes, unido ás prioridades que Baltar se marcou co desenvolvemento de programas de cooperación cos concellos, e a recuperación da facenda provincial, que permitiu retornar ao accionariado de Expourense e de Meisa –impulsando neste caso investimentos como os canóns de innivación na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda-, e tamén ao Consorcio dos Peares; ademais da posta en marcha do Plan Estratéxico de Subvencións, que ten como obxectivo garantir no ámbito da cooperación cos concellos un nivel mínimo de investimentos en infraestruturas de titularidade municipal, en particular, nas relacionadas cos servizos mínimos obrigatorios, e prestar axuda financeira aos concellos en situación de insuficiencia orzamentaria.

Tamén destaca neste período que a Deputación de Ourense foi a primeira en celebrar debates sobre o Estado da Provincia; en aprobar no mes de setembro os orzamentos do ano seguinte; e en organizar a primeira Conferencia de Presidente de Gobernos Provinciais, iniciativas ás que se unen os plans de Emprego Xuvenil o e de Apoio á Natalidade, o Plan Transforma Ourense –para impulsar o emprendemento e a actividade empresarial-, o Plan BenOurense de Servizos sociais ou a creación do Consorcio Provincial contra Incendios, "iniciativas coas que defendemos unha visión integral de provincia para acadar maior desenvolvemento social e xerar máis emprego e benestar", destaca Baltar, salientando que a vindeira chegada da Alta Velocidade "suporá un pulo que marcará un antes e un despois na realidade da provincia de Ourense".

"O futuro inmediato da xestión do goberno provincial pasa agora polo Plan "Ourense 7273", que desenvolveremos no próximo mandato 2019-2023", afirma, no que a Deputación de Ourense levará a cabo iniciativas nos ámbitos do turismo, a cultura o deporte, a innovación, o termalismo, e o ámbito agroalimentario, vitivinícola e forestal, entre outros, "para seguir impulsando proxectos innovadores que sigan situando a Ourense como un referente na vangarda da xestión pública", valora Baltar, lembrando, como dixo no pasado pleno de debate do estado da provincia, que se trata "de crer en Ourense, de estar en política en positivo, e de entender a política como ferramenta de progreso e non de enfrontamento. E o máis importante: nunca falar mal de Ourense e traballar sempre a favor da nosa provincia".

f_ depourense.es