Santiago celebra o grande o 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

Santiago vai celebrar o 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cun amplo programa de actividades no que participan varias concellerías, coa colaboración da asociación veciñal do Ensanche, Raigame, e da Fundación Rosalía de Castro. A Semana de Rosalía en Compostela vaise prolongar ata o próximo 28 de febreiro, con actividades nas que se implica o tecido hostaleiro e comercial do Ensanche e Conxo, e na que destacan como os concertos de Amancio Prada e Uxía.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou a Semana de Rosalía en Compostela, nunha rolda de prensa na que tamén participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e o presidente da asociación veciñal Raigame, Xosé Manuel Durán. O alcalde explicou que o programa "está pensado para reivindicar a figura de Rosalía e os seus vencellos con Santiago, e para facelo coa participación da cidadanía, do tecido asociativo, dos colexios, das persoas maiores e do público infantil".

O alcalde salientou a implicación cidadá na celebración da Semana de Rosalía en Compostela, que fixo posible "a organización de actividades ao longo de toda esta semana, dirxidas a distintos públicos". Así, os colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios están a celebrar unha semana cultural dedicada á escritora, que tamén está a ser homenaxeada nos comercios do Ensanche e Conxo, que agasallan con poemas de Rosalía a todas as persoas que fagan as súas compras nesta semana. Tamén ata o próximo día 28, diversos establecementos de hostalería do Ensanche e Conxo ofrecerán degustacións do Caldo de Gloria, unha iniciativa inspirada no poema "Miña casiña, meu lar", no que Rosalía explicaba como facer un caldo humilde. O Concello recolle así a proposta da Fundación Rosalía para elaborar esa receita o 24 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, e amplíaa no tempo para que os establecementos de hostalería oferten esta preparación dende o 18 ata o 28 de febreiro.

Tamén dende Turismo de Santiago están previstas dúas accións dentro da Semana de Rosalía en Compostela. Dunha banda, as persoas que visiten a oficina de información da rúa do Vilar recibirán un paquete de agasallo con folletos informativos da pegada de Rosalía en Santiago e da Ruta Rosaliana, que inclúe os lugares rosalianos dos concellos de Ames, Brión e Padrón. O pack tamén inclúe adhesivos, chapas e unha bolsa coa imaxe da escritora. Tamén haberá un agasallo sorpresa para as primeiras 50 visitas, e na oficina de Turismo colocarase un photocall para que calquera poida facerse fotos na compaña da autora.

Dende Turismo de Santiago tamén se organiza, xunto coa Concellaría de Igualdade, o chamado "Café con verso no Día de Rosalía", o propio 24 de febreiro. A iniciativa desenvolverase nos establecementos de hostalería adheridos a proxectos municipais como Territorio das Mulleres ou #GalegoEmpresas, que entregarán aos clientes un verso de Rosalía pola consumición do café. As tarxetas deseñadas, inclúen ata dez versos diferentes da autora. Os establecementos participantes son Cafetería do Hotel AC Palacio del Carmen, Cafetería Blu, Café Xardín Costa Vella, Curro da Parra, Celme do Caracol, Lusco & Fusco, La Flor, Cambalache, Café Literarios, Medusa, Café de Altamira, Cuchara do Villar (Hotel Rúa Villar) e A Nave de Vidán.