Ribeira Sacra, Patrimonio ¡mundial! (EDITORIAL HGgG&T 218)

O comité interterritorial español da Unesco, constituido polo ministerio e as comunidades autónomas, vaise reunir próximamente en Santo Estevo de Ribas de Sil para acordar a candidatura oficial, por parte de España, a declaración de Patrimonio da Humanidade da UNESCO. A estadística indica 
que o comité tense reunido no territorio mellor posicionado para o recoñecemento. Ergo, parece chegada a hora da Ribeira Sacra.

Sería -arriscamos que será- unha grande e trascendente nova, pola que se veu traballando arreo dende os anos oitenta avanzados, con infrecuente sentido común político, para nada roto nin sequera nos intres de cambio nas institucións. O obxectivo común tivérono claro en Santiago, Lugo, Ourense e Madrid, sen esquecer a teima constante da Mancomunidade de concellos da Ribeira Sacra -que se extende polas dúas provincias ás beirasdo Sil- para que o lume da forxa estivese sempre vivo. Nestas 
páxinas reflexámolo, desde a nosa modestia, con esforzos memorables principalmente nas edicións presentadas en Fitur.

A tarefa xornalística é pracenteira. Velaí a Ribeira Sacra, esta terra da nosa terra, fermosa como paixase, humanamente profunda e sabia, harmoniosa na longa distancia, imponente na curta, heroica e sacrificada nas labores dos días, os traballos que xestan viños celebrantes en marcos amparados polo tilde indeleble do románico.

Será no 2021 cando, oficialmente, sería efectiva a detentación de tal distinción, o que suma e reforza a chamada cara o Ano Xacobeo que tamén recuperamos nesa altura despois da longa paréntese dos once anos de obrigado cumprimento. Non estará por demáis, por certo, que aproveitemos estes meses por diante para correxir algunhas sonoras deficiencias en establecementos enoturísticos -sonoras porque ocorren en casas senlleiras- na hora das calidades gastronómicas.

Chéganos esta nova no frontispicio dunhas eleccións para anovar as institucións locais, e cando se anuncia o adianto das xerais. Ningún destes cambios influirá nin fará variar o recoñecemento internacional a favor da Ribeira Sacra como territorio, pero entendemos que vén de ser -se así é, e todo indica que así seráunha coincidencia oportuna no tempo, unha sorte de deberes cumplidos en tal eido, un acabar unha lexislatura con nota… e título para a casa.