Réplica da imprenta de Gutenberg na Deputación de Lugo

O CENTRAD da Deputación de Lugo exhibe unha réplica da imprenta de Gutenberg, a única que existe en funcionamento en Galicia, e unha das poucas de España, e que foi construída nos propios talleres da institución provincial. Segundo consta nos arquivos, existen poucas pezas similares en España que están en funcionamento, unha situada en Urueña (Valladolid), na cidade do libro, e outra na Comunidade de Madrid.

O Presidente avanzou “que a partir de agora todos os visitantes poderán desfrutar dunha peza exclusiva, cen por cen galega, feita ademais, polos propios profesionais do CENTRAD. Todos os que se acheguen ao Centro de Artesanía teñen a oportunidade de comprobar in situ como funciona este artiluxio, o único que está en funcionamento en Galicia”.

Campos Conde agradeceu o traballo dos traballadores que fixeron posible este proxecto. “A partir de agora esta peza será a estrela da nova Sala Gutenberg da Deputación. E ademais quero anunciar que xa están traballando nun novo proxecto, o Tórculo. Unha peza de prensa que se utilizada para a impresión de gravados en metal ou calcografías”.

O Presidente avanzou que “o Goberno da Deputación vai poñer en marcha unha campaña informativa, para que os centros escolares da provincia poidan coñecer esta peza excepcional, e que sexan os propios nenos e nenas os que poñan en marcha esta máquina, e ao mesmo tempo poidan levar un pequeno recordo do seu paso polo Centro de Artesanía e Deseño”.