O muiño de vento de Laxe recuperará o seu esplendor

A Deputación da Coruña colaborará co Concello de Laxe na rehabilitación e posta en valor do muíño de vento da localidade, coñecido como o de "Manolo do Rei". O proxecto consiste na recuperación deste muíño de vento, único na Costa da Morte polo seu sistema de moa a base de engranaxes independentes e velas de lenzo triangulares como as que tiñan os barcos.

O muíño foi construído en 1924 polo laxense Manuel Ramos Mesías e funcionou até 1936. Actualmente está catalogado como ben de patrimonio arquitectónico municipal con protección ambiental.

Entre os seus compoñentes, conta con elementos construtivos e mecánicos moi peculiares coma o sistema de moa, o mesado de madeira no interior sobre o que se asentaban as moas, feitas en pedra do país, velas triangulares de lenzo, como as dos barcos, cuberta orixinal de cinc, xiratoria por medio de rodas de madeira, ou o cataventos no extremo superior que permitía coñecer a dirección do vento dende o interior.

Segundo explicou o alcalde, José Manuel Mouzo, o Concello de Laxe conta co ofrecemento de cesión gratuíta e a autorización dos propietarios actuais para poder emprender as actuacións que sexan precisas para a consecución deste proxecto tanto no muíño como na súa contorna.

Pola súa banda, o presidente provincial, Valentín García Formoso, ofreceu a colaboración económica da Deputación para "un interesante proxecto de recuperación dun inmoble singular do patrimonio histórico, cultural e etnográfico de Laxe" e sirva como reclamo turístico, xa que se sitúa no monte Cornaceiro, preto da capela de Santa Rosa, que ofrece unhas interesantes vistas panorámicas do pobo.

A finalidade do proxecto, cuxo custe se estima en 120.000 euros, pasa pola recuperación e a posta en valor dun ben patrimonial, artístico, cultural, histórico, didáctico e etnográfico municipal e da súa contorna. Entre outras iniciativas, o obxectivo é a realización de actividades e recreacións históricas no muíño que permitan as escenas teatralizadas, as visitas didácticas e a celebración de actividades culturais.